Saltar ao contido principal

MULLER TRABALLADORA

As mobilizacións pola xornada do Día da Muller Traballadora poden suscitar polémica. Isto foi así ao longo da historia da loita por calquera dereito. No caso das mulleres, elas tiveron que enfrontar moitas destas situacións e hoxe son recoñecidas por esta razón e outras, aínda que tarde, polas súas achegas como: investigadoras, políticas e noutras profesións pero continúa a ser invisible o traballo de moitas mulleres anónimas que loitaron e sufriron traballando man a man, cos homes na terra, nas minas, no mar, na casa, etc. A todas elas queremos render homenaxe co vídeo: “Estatuas de sal”. Nel aparecen retratos de mulleres de moitos ámbitos da esfera internacional que causaron escándalo ou foron incómodas, cando reclamaron os seus dereitos a ser tratadas igual que os homes. Froito da loita das mulleres no terreo laboral e político, hoxe gozamos de moitos dereitos, pero pese aos avances é preciso continuar a loitar por consolidar os cambios na mentalidade da sociedade que fagan efectivo ese principio de igualdade real. Por iso é moi importante que se valore e remunere económica e socialmente o traballo de moitas mulleres anónimas que loitaron xunto aos homes polo desenvolvemento da nosa terra. Nas mulleres recaeu moito traballo que non se visibilizou historicamente e que rematou converténdoas en estatuas de sal.




Na nosa literatura algúns autores retrataron esta situación.

...A muller galega non é dona
-tirádeo da cachola- nin a ama,
nin a raíña do fogar,
senón a compañeira fiel,
valente i amorosa
igual ó home na loita cotra a vida....
...As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polo poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:..

MANUEL MARÍA. Remol . Bos Aires : Nós, 1970

Publicacións populares deste blog

Obradoiro o Galego en internet e nas redes sociais

Este obradoiro ten como finalidade  a reflexión  sobre o uso e o fomento do  idioma galego en internet e nas redes sociais, está deseñado para ó alumnado de Bacharelato por iniciativa dos Departamentos de Dinamización e a Biblioteca do centro. Está dirixido polo proxecto   ORGULLO GALEGO, que se definen a sí mesmos  como:    "Todos os galegos orgullosos do seu, da súa terra, da súa lingua, do seu pobo, da súa idiosincrasia e da súa historia ocultada e negada. Das paisaxes, da gastronomía privilexiada, e como somos e pensamos, das nosas tradicións e da nosa mitoloxía." Está previsto que teñan unha sesión de una hora os grupos de 1º de Bacharelato do centro o vindeiro martes, 6 de xuño en horario de tarde tal como podedes ver no cartel da convocatoria. obradoiro o galego nas redes de dinamización2019

OS TRABALLOS DO CONCURSO SOBRE A LINGUA GALEGA

  Dixamos aquí a exposición de traballos participantes no concurso sobre a Lingua Galega que podedes ver na Biblioteca do instituto. Desde aquí queremos felicitar a todos os participantes e animarvos a continuar a empregar a nosa lingua en distintos ámbitos da nosa vida. concurso de anuncios sobre o galego de Dinamización Sofía Casanova

Obradoiro de APODERAMENTO LINGÜÍSTICO

  O pasado venres 11 de novembro, catro alumnos e alumnas de 1º de bacharelato acudiron á terceira sesión do Obradoiro de Apoderamento Lingüístico. Desta volta, xuntouse alumnado de varios institutos de Ferrol. Foi unha xornada de convivencia ben produtiva. O alumnado formulou algúns dos atrancos cos que se atopa no seu día a día cando queren empregar a lingua galega e, por grupos de traballo, propuxeron moi boas ideas para tratar de os superar. Estas propostas expoñeránllelas ao resto de compañeiros e compañeiras nunha terceira xuntanza que se realizará o vindeiro martes 29 de novembro no IES Torrente Ballester. Estade atentos e atentas porque vos contaremos todo o traballo que realizaron. De momento, deixámosvos unhas imaxes do venres 11.