Saltar ao contido principal

VISITA AO CENTRO DE RAFAEL PILLADO

 

Os profesores Adrián Ansede, do Departamento de Xeografía e Historia, e O equipo de Dinamización da  Lingua Galega, organizaron conxuntamente unha actividade complementaria para o alumnado de 4º de ESO do IES Sofía Casanova o pasado xoves 6 de maio.

 

Tratouse dunha conferencia a cargo de Rafael Pillado Lista, destacado activista sindical durante o franquismo, quen, a través da narración das súas propias experiencias, compartiu connosco un valioso testemuño do artellamento da oposición sindical e da loita obreira clandestinas durante a ditadura, facendo especial fincapé naqueles fitos que afectaron dunha maneira máis directa á comarca de Ferrolterra (como as mobilizacións de marzo do 72).

 

Nado en San Cibrao (Cervo) en 1942, Rafael Pillado coñeceu o significado da represión e a inxustiza desde a súa nenez por mor do encarceramento de seu pai no castelo de San Felipe, o que lle impuxo á familia un traslado practicamente forzado e serias dificultades para subsistir e saír adiante.

 

Con 15 anos incorporouse á Escola de Aprendices dos estaleiros ferroláns, a antiga Empresa Nacional Bazán, onde, segundo as súas propias palabras, comezou a desenvolver unha firme e arraigada conciencia de clase e un sentido da “solidariedade entre os que padecen os problemas e as inxustizas comúns”. Así, nun ambiente de autoritarismo e represión abafantes, no país da “longa noite de pedra”, no que a vixilancia e a intimidación constantes esmagaban calquera conato de disidencia, Rafael Pillado atopou nos seus compañeiros de traballo, no esprit de corps “bazaneiro”, unha idea da pertenza e da colectividade que moldearía de maneira decisiva o seu pensamento e as súas accións en defensa dos traballadores.

 

O franquismo, segundo relatou o noso convidado, foi un réxime corporativo creado para servir aos intereses dunha minoría social composta polos poderes fácticos tradicionais de España: grandes propietarios agrícolas e industriais, a Igrexa católica, as forzas armadas e a burguesía. Ao igual que noutros réximes fascistas, como na Italia de Mussolini, desde o propio poder establecérase todo un aparello administrativo e institucional destinado a desmantelar a oposición política e a garantir o control da sociedade a través das estruturas de encadramento oficiais, como a Fronte de Xuventudes ou o Sindicato Vertical. Esta última agrupaba os empresarios e traballadores por sectores de actividade, co obxectivo de estes superaren as súas diferenzas de clase e conviviren de maneira tranquila e pacífica nunha harmonía de intereses imaxinada e imposta polo réxime.

 

En realidade, tras esa fachada de presunta benignidade social agochábase un instrumento de control da acción sindical e de debilitación dos traballadores ao servizo das empresas. Ante a imposibilidade de facer valer as súas reivindicacións a través das institucións oficiais, as Comisións Obreiras (CC.OO.) constituíronse desde abaixo como pequenos grupos de traballadores, elixidos entre os propios compañeiros, que exercían como representantes á hora de negociar cos patróns e esixir melloras nas condicións laborais e do posto de traballo. Co tempo, as CC.OO. converteríanse na semente dos futuros sindicatos e organizacións obreiras libres e independentes.

 

Rafael afiliouse ao Partido Comunista de España en 1960 e viviu en primeira persoa o nacemento das CC.OO. Chegou a ser membro do Xurado de Empresa de Bazán, un dos escasos cargos electivos existentes no seo do Sindicato Vertical, entre 1966 e 1968. Durante esta década, os anos do “desarrollismo”, a factoría naval ferrolá pasou a estar controlada polas CC.OO., e o seu modelo organizativo non tardou en estenderse a outras empresas da comarca baixo unha premisa moi simple, que resume un dos piares da filosofía de Rafael Pillado: “todo problema de calquera traballador en calquera empresa é un problema colectivo”.

 

O momento culminante da conferencia estivo marcado polo relato dos sucesos de marzo de 1972 en Ferrol. O día 7 o Sindicato Vertical asinara en Madrid un convenio para os traballadores de Bazán que afectaría por igual ás factorías de Ferrol, Cádiz e Cartaxena. En Ferrol, cuxo estaleiro estaba controlado polas CC.OO., rexeitouse esta imposición, e a empresa respondeu co despedimento de varios traballadores (Riobó, Amor, Díaz Montero e outros), todos eles representantes das CC.OO. Ao coñecerse o acontecido produciuse un paro total no traballo e, tralo fracaso das negociacións co director, a policía desaloxou a factoría pola forza.

 

A primeira hora da mañá do 10 de marzo, miles de traballadores emprenderon unha marcha de protesta desde Bazán cara o barrio de Caranza, entón en construción, e alí xuntarse cos traballadores procedentes de Astano. Ao paso dos manifestantes na Estrada de Castela coa Avenida das Pías, a policía cargou contra eles, chegando a empregar armas de fogo cargadas con munición real. Eses disparos deixaron dous mortos, Amador Rey e Daniel Niebla, ademais de numerosos feridos. A cidade e a comarca foron entón sometidas a un estrito illamento por parte das autoridades, cortando tódalas comunicacións co exterior. Porén, isto non impediu que as novas sobre o acontecido se espallasen con rapidez, provocando numerosas mostras de solidariedade tanto no Estado español como no estranxeiro, xa que non poucos medios internacionais (como The Guardian, Le Monde ou The New York Times) fixéronse eco do lutuoso suceso, confirmando coa súa reacción condenatoria o fracaso e o esgotamento do réxime franquista.

 

Rafael viviu todo aquilo en primeira persoa; incluso, tal e como lle comentou en privado ao profesor Adrián Ansede antes do inicio da conferencia, atopábase a escasos metros dun dos traballadores mortos no momento dos disparos, chegando a ver o seu sangue brotando da ferida de bala. Rafael foi un dos numerosos represaliados polas protestas do 72, que ademais dos obreiros mortos e feridos, saldáronse con despedimentos, multas e penas de prisión. Rafael pasaría entón catro anos de cadea en cadea, ata comezos de 1976, a meirande parte dese tempo en Carabanchel.

 

A conferencia concluíu cunha breve rolda de preguntas por parte do alumnado e unha reflexión final, a modo de conclusión. Por unha banda, cómpre salientar a relevancia e a plena vixencia das leccións que podemos extraer do activismo de Rafael Pillado: a solidariedade e a empatía con aqueles que padecen os problemas e as inxustizas que afectan á clase traballadora, e a idea de que só a unión fai a forza á hora de acadar cambios substanciais para mellor. En segundo lugar, os profesores transmitiron a Rafael o seu agradecemento, non só pola súa presenza e colaboración para o desenvolvemento da actividade, senón tamén polo seu compromiso e a súa loita, por dar un paso adiante, alzar a voz nun mundo inxusto e converterse en ferreiro dun mundo mellor, en alicerce da democratización e da chegada das liberdades máis elementais, e todo iso co custo persoal que tivo que asumir.

 

Finalmente, o profesor Adrián Ansede fíxolle entrega dun agasallo, a figura do mestre de Sargadelos, que constitúe a un tempo un cachiño da súa terra natal e un símbolo do novo labor que ocupa boa parte do tempo de Rafael desde a súa xubilación: o de compartir as súas experiencias e ilustrarnos co seu saber sobre un período crucial da nosa historia recente, a miúdo agochado, terxiversado ou minimizado. Á súa vez, Rafael entregoulle a Adrián Ansede dous exemplares das súas memorias: O latexo da vida e da conciencia (2012) e La dura luz de la memoria: palabras afiladas (2019).

 

Moitas grazas, Rafael.


VELAQUÍ TEDES UNHAS FOTOS DO ACTO





Publicacións populares deste blog

Obradoiro o Galego en internet e nas redes sociais

Este obradoiro ten como finalidade  a reflexión  sobre o uso e o fomento do  idioma galego en internet e nas redes sociais, está deseñado para ó alumnado de Bacharelato por iniciativa dos Departamentos de Dinamización e a Biblioteca do centro. Está dirixido polo proxecto   ORGULLO GALEGO, que se definen a sí mesmos  como:    "Todos os galegos orgullosos do seu, da súa terra, da súa lingua, do seu pobo, da súa idiosincrasia e da súa historia ocultada e negada. Das paisaxes, da gastronomía privilexiada, e como somos e pensamos, das nosas tradicións e da nosa mitoloxía." Está previsto que teñan unha sesión de una hora os grupos de 1º de Bacharelato do centro o vindeiro martes, 6 de xuño en horario de tarde tal como podedes ver no cartel da convocatoria. obradoiro o galego nas redes de dinamización2019

OS TRABALLOS DO CONCURSO SOBRE A LINGUA GALEGA

  Dixamos aquí a exposición de traballos participantes no concurso sobre a Lingua Galega que podedes ver na Biblioteca do instituto. Desde aquí queremos felicitar a todos os participantes e animarvos a continuar a empregar a nosa lingua en distintos ámbitos da nosa vida. concurso de anuncios sobre o galego de Dinamización Sofía Casanova

Obradoiro de APODERAMENTO LINGÜÍSTICO

  O pasado venres 11 de novembro, catro alumnos e alumnas de 1º de bacharelato acudiron á terceira sesión do Obradoiro de Apoderamento Lingüístico. Desta volta, xuntouse alumnado de varios institutos de Ferrol. Foi unha xornada de convivencia ben produtiva. O alumnado formulou algúns dos atrancos cos que se atopa no seu día a día cando queren empregar a lingua galega e, por grupos de traballo, propuxeron moi boas ideas para tratar de os superar. Estas propostas expoñeránllelas ao resto de compañeiros e compañeiras nunha terceira xuntanza que se realizará o vindeiro martes 29 de novembro no IES Torrente Ballester. Estade atentos e atentas porque vos contaremos todo o traballo que realizaron. De momento, deixámosvos unhas imaxes do venres 11.