Saltar ao contido principal

VISITA AO CENTRO DE RAFAEL PILLADO

 

Os profesores Adrián Ansede, do Departamento de Xeografía e Historia, e O equipo de Dinamización da  Lingua Galega, organizaron conxuntamente unha actividade complementaria para o alumnado de 4º de ESO do IES Sofía Casanova o pasado xoves 6 de maio.

 

Tratouse dunha conferencia a cargo de Rafael Pillado Lista, destacado activista sindical durante o franquismo, quen, a través da narración das súas propias experiencias, compartiu connosco un valioso testemuño do artellamento da oposición sindical e da loita obreira clandestinas durante a ditadura, facendo especial fincapé naqueles fitos que afectaron dunha maneira máis directa á comarca de Ferrolterra (como as mobilizacións de marzo do 72).

 

Nado en San Cibrao (Cervo) en 1942, Rafael Pillado coñeceu o significado da represión e a inxustiza desde a súa nenez por mor do encarceramento de seu pai no castelo de San Felipe, o que lle impuxo á familia un traslado practicamente forzado e serias dificultades para subsistir e saír adiante.

 

Con 15 anos incorporouse á Escola de Aprendices dos estaleiros ferroláns, a antiga Empresa Nacional Bazán, onde, segundo as súas propias palabras, comezou a desenvolver unha firme e arraigada conciencia de clase e un sentido da “solidariedade entre os que padecen os problemas e as inxustizas comúns”. Así, nun ambiente de autoritarismo e represión abafantes, no país da “longa noite de pedra”, no que a vixilancia e a intimidación constantes esmagaban calquera conato de disidencia, Rafael Pillado atopou nos seus compañeiros de traballo, no esprit de corps “bazaneiro”, unha idea da pertenza e da colectividade que moldearía de maneira decisiva o seu pensamento e as súas accións en defensa dos traballadores.

 

O franquismo, segundo relatou o noso convidado, foi un réxime corporativo creado para servir aos intereses dunha minoría social composta polos poderes fácticos tradicionais de España: grandes propietarios agrícolas e industriais, a Igrexa católica, as forzas armadas e a burguesía. Ao igual que noutros réximes fascistas, como na Italia de Mussolini, desde o propio poder establecérase todo un aparello administrativo e institucional destinado a desmantelar a oposición política e a garantir o control da sociedade a través das estruturas de encadramento oficiais, como a Fronte de Xuventudes ou o Sindicato Vertical. Esta última agrupaba os empresarios e traballadores por sectores de actividade, co obxectivo de estes superaren as súas diferenzas de clase e conviviren de maneira tranquila e pacífica nunha harmonía de intereses imaxinada e imposta polo réxime.

 

En realidade, tras esa fachada de presunta benignidade social agochábase un instrumento de control da acción sindical e de debilitación dos traballadores ao servizo das empresas. Ante a imposibilidade de facer valer as súas reivindicacións a través das institucións oficiais, as Comisións Obreiras (CC.OO.) constituíronse desde abaixo como pequenos grupos de traballadores, elixidos entre os propios compañeiros, que exercían como representantes á hora de negociar cos patróns e esixir melloras nas condicións laborais e do posto de traballo. Co tempo, as CC.OO. converteríanse na semente dos futuros sindicatos e organizacións obreiras libres e independentes.

 

Rafael afiliouse ao Partido Comunista de España en 1960 e viviu en primeira persoa o nacemento das CC.OO. Chegou a ser membro do Xurado de Empresa de Bazán, un dos escasos cargos electivos existentes no seo do Sindicato Vertical, entre 1966 e 1968. Durante esta década, os anos do “desarrollismo”, a factoría naval ferrolá pasou a estar controlada polas CC.OO., e o seu modelo organizativo non tardou en estenderse a outras empresas da comarca baixo unha premisa moi simple, que resume un dos piares da filosofía de Rafael Pillado: “todo problema de calquera traballador en calquera empresa é un problema colectivo”.

 

O momento culminante da conferencia estivo marcado polo relato dos sucesos de marzo de 1972 en Ferrol. O día 7 o Sindicato Vertical asinara en Madrid un convenio para os traballadores de Bazán que afectaría por igual ás factorías de Ferrol, Cádiz e Cartaxena. En Ferrol, cuxo estaleiro estaba controlado polas CC.OO., rexeitouse esta imposición, e a empresa respondeu co despedimento de varios traballadores (Riobó, Amor, Díaz Montero e outros), todos eles representantes das CC.OO. Ao coñecerse o acontecido produciuse un paro total no traballo e, tralo fracaso das negociacións co director, a policía desaloxou a factoría pola forza.

 

A primeira hora da mañá do 10 de marzo, miles de traballadores emprenderon unha marcha de protesta desde Bazán cara o barrio de Caranza, entón en construción, e alí xuntarse cos traballadores procedentes de Astano. Ao paso dos manifestantes na Estrada de Castela coa Avenida das Pías, a policía cargou contra eles, chegando a empregar armas de fogo cargadas con munición real. Eses disparos deixaron dous mortos, Amador Rey e Daniel Niebla, ademais de numerosos feridos. A cidade e a comarca foron entón sometidas a un estrito illamento por parte das autoridades, cortando tódalas comunicacións co exterior. Porén, isto non impediu que as novas sobre o acontecido se espallasen con rapidez, provocando numerosas mostras de solidariedade tanto no Estado español como no estranxeiro, xa que non poucos medios internacionais (como The Guardian, Le Monde ou The New York Times) fixéronse eco do lutuoso suceso, confirmando coa súa reacción condenatoria o fracaso e o esgotamento do réxime franquista.

 

Rafael viviu todo aquilo en primeira persoa; incluso, tal e como lle comentou en privado ao profesor Adrián Ansede antes do inicio da conferencia, atopábase a escasos metros dun dos traballadores mortos no momento dos disparos, chegando a ver o seu sangue brotando da ferida de bala. Rafael foi un dos numerosos represaliados polas protestas do 72, que ademais dos obreiros mortos e feridos, saldáronse con despedimentos, multas e penas de prisión. Rafael pasaría entón catro anos de cadea en cadea, ata comezos de 1976, a meirande parte dese tempo en Carabanchel.

 

A conferencia concluíu cunha breve rolda de preguntas por parte do alumnado e unha reflexión final, a modo de conclusión. Por unha banda, cómpre salientar a relevancia e a plena vixencia das leccións que podemos extraer do activismo de Rafael Pillado: a solidariedade e a empatía con aqueles que padecen os problemas e as inxustizas que afectan á clase traballadora, e a idea de que só a unión fai a forza á hora de acadar cambios substanciais para mellor. En segundo lugar, os profesores transmitiron a Rafael o seu agradecemento, non só pola súa presenza e colaboración para o desenvolvemento da actividade, senón tamén polo seu compromiso e a súa loita, por dar un paso adiante, alzar a voz nun mundo inxusto e converterse en ferreiro dun mundo mellor, en alicerce da democratización e da chegada das liberdades máis elementais, e todo iso co custo persoal que tivo que asumir.

 

Finalmente, o profesor Adrián Ansede fíxolle entrega dun agasallo, a figura do mestre de Sargadelos, que constitúe a un tempo un cachiño da súa terra natal e un símbolo do novo labor que ocupa boa parte do tempo de Rafael desde a súa xubilación: o de compartir as súas experiencias e ilustrarnos co seu saber sobre un período crucial da nosa historia recente, a miúdo agochado, terxiversado ou minimizado. Á súa vez, Rafael entregoulle a Adrián Ansede dous exemplares das súas memorias: O latexo da vida e da conciencia (2012) e La dura luz de la memoria: palabras afiladas (2019).

 

Moitas grazas, Rafael.


VELAQUÍ TEDES UNHAS FOTOS DO ACTO





Publicacións populares deste blog

MES DA CIENCIA EN GALEGO

Este martes 20 de novembro en Santiago de Compostela, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, participa nun acto institucional co alumnado do IES Sofía Casanova de Ferrol que contou co catedrático Luis Puig Mosquera, profesor de matemáticas do noso centro, que fixo un relatorio sobre "As simetrías do Pórtico da Gloria”. A este evento , que se desenvolveu no Pórtico da Gloria, tamén asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez; os presidentes da Real Academia de Ciencia, Miguel Ángel Ríos, e da Institución Galega de Ciencia, Manuel Díaz; así como o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez. Esta actuación enmarcase dentro das actividades do Mes da Ciencia en Galego, que a consellería de Cultura e Turismo, promove tamén por medio de accións nas bibliotecas públicas e mais nos centros educativos a través dos equipos de dinamización da lingua galega coa finalidade de v...

ALUMNADO 4º DA ESO NO ROTEIRO DAS IRMANDADES DA FALA

   O alumnado de 4º da ESO ven de participar nestas semanas do mes de outubro  co Equipo de Dinamización Lingüística e os departamentos de Xeografía e Historia e Lingua e Literatura Galega, no roteiro "Ferrol coas Irmandades da Fala ".   Cansos e felices polo percorrido e a información acadada ó remate da actividade posan coas profesoras acompañantes: María José  e Victoria. Figuras como Aurelio Ribalta, Xaime Quintanilla e Bello Piñeiro, institucións como o coro Toxos e froles, o Casino Ferrolán, a editorial Céltiga e aqueles lugares e persoas relacionadas coas Irmandades en Ferrol son obxecto desta visita. En GaliciaÁrtabra pode verse a relación de Ferrol coas Irmandades da Fala.

FESTAS DO SAMAÍN 2019-2020

Ola compañeiros! Nestas días de outono  estamos a preparar  unha exposición de cabazas para celebrar o tempo do Samaín. En posteriores entradas iremos informando das actividades que se van realizando. Temos pensado facer o tradicional magosto se vos animades a participar. De momento deixamos aquí o cartel do obradoiro de decoración de cabazas  que se vai celebrar entre os días 4 e 8 de novembro. E tamén queremos invitarvos a participar no certame literario de relatos de terror convocado polo equipo de Dinamización lingüística e o da Biblioteca do centro. Podedes consultar as bases nos carteis anexos e tamén nos carteis impresos dos corredores. Fagamos un Samaín de medo!!!