Saltar ao contido principal

UNHA CIENTÍFICA DA NOSA CIDADE



Ola compañeir@s!

Queremos darvos a benvida a este novo curso e ir contando polo miúdo as actividades e propostas que estamos a preparar para as que necesitaremos a vosa colaboración e participación como cada ano. Debullaremos estes proxectos noutras entradas.

Hoxe 3 de outubro, queremos facer memoria do nacemento dunha científica galega do máis alto nivel, e ademais  é da nosa cidade.
Estamos a falar de María de los Ángeles Alvariño González, (3/10/1916-29/5/2005) a gran oceanógrafa que era natural de Serantes, Ferrol. Filla dun médico e unha profesora de piano, estudou na nosa localidade e completou o bacharelato en Santiago de Compostela, trasladándose a Madrid para facer a súa carreira de Ciencias Naturais en 1934, estudos interrompidos pola Guerra Civil e que remata en 1941. Doutorouse no 1951 en Psicoloxía Experimental, Química Analítica e Ecoloxía Vexetal. Neste tempo traballa como bióloga mariño-oceanógrafa no Instituto Español de Oceanografía en Vigo. En 1953 o British Council concédelle unha bolsa no Laboratorio de Plymouth para a investigación do zooplancto, entón María Ángeles, converterase na primeira muller en subir a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Desde 1956 nos Estados Unidos, realizou investigacións do zooplancto que a levan ó descubrimento de 22 novas especies, dúas das cales levan o seu nome. Conta con centos de publicacións nas máis prestixiosas revistas científicas que a consagran coma unha figura científica internacional e unha autoridade nesta materia. A súa traxectoria está chea de recoñecementos a nivel internacional. Na nosa terra, en 1993, recibiu a Medalla de Prata de Galicia e foi a figura elixida pola Real Academia Galega de Ciencias para conmemorar o día 1 de xuño, o Día da Ciencia en Galicia, do 2015. O Instituto Español de Oceanografía púxolle o seu nome ó seu buque de investigacións oceánicas, que tristemente estivo de actualidade este verán, tratando de localizar os restos de dous meniños nas costas Canarias.

Neste vídeo tedes máis datos desta gran científica de Ferrol.

Publicacións populares deste blog

CONCURSO DE DECORACIÓN DE PORTAS DO SAMAÍN

  Con motivo da celebración do Samaín e para animar a toda a comunidade a disfrutar deste tempo de relatos e contos de terror, queremos invitarvos a decorar as portas das aulas do centro con adornos que fagan referencia a esta festa ou a relatos terroríficos propios da nosa cultura galega, por este motivo  animámosvos a engadir nas portas, frases de algún relato ou conto propio destas datas. Desde este venres 21 de outubro ata o  4 de novembro, está aberto o prazo para decorar as portas das aulas. Un xurado composto polo Equipo de Dinamización Lingüística do centro elexirá a mellor.  O premio será colectivo para os membros da aula gañadora. Só nos resta desexarvos un bo Samaín, cheo de lecturas terroríficas. Preme aquí para ver algúnha idea.

CONCERTO MOCIDADE COA LINGUA.

O grupo musical do noso centro , Son do Sofía, vén de participar no concerto A Mocidade coa lingua, celebrado hoxe no Auditorio de Ferrol. O alumnado participou con dúas pezas: "Danzas do tempo" baseado nun poema de Luísa Villalta e Bela dona. Foi unha actuación espectacular. Parabéns para todos e tamén para as profesoras de música e lingua galega que traballaron cos artistas.

MURAL EN HOMENAXE A BENITO VICETTO

Esta semana os nosos artistas de 3º da ESO remataron o mural que pecha a conmemoración do II centenario do nacemento do noso ilustre ferrolán. Durante tres días guiados polo artista local Diego Vázquez , quen deseñou o mural, traballaron sen parar e velaquí o resultado. parabéns rapaces.Grazas Diego.